Aumentar a seguridade ao redor de bicicletas e vmp’ s

A segunda mesa do congreso debaterá sobre a inserción destes vehículos no ecosistema da mobilidade

As mobilidades alternativas e a súa relación coa seguridade viaria estarán presentes na segunda Mesa temática do terceiro Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria, que se celebrará en Narón os días 19 e 20 de maio. Actuará de facilitadora a subdirectora xeral de Formación e Educación Viaria da Dirección Xeral de Tráfico, María José Aparicio. Será ás 16 horas do xoves, 19.


Bicicletas e vehículos de mobilidade persoal protagonizarán esta área de debate, en relación á súa inserción nos sistemas de mobilidade urbanos e interurbanos e as cuestións de seguridade que expón o actual incremento deste tipo de vehículos nas rúas das nosas cidades.
Asuntos como a coexistencia destes vehículos, por unha banda cos tráficos motorizados e por outra cos peonís, poñeranse enriba da mesa para valorar asuntos como o acougado de tráfico a motor, a diminución do número de coches nas contornas urbanas, a convivencia entre tráficos motorizados e non motorizados ou a segregación do espazo nos lugares nos que sexa conveniente ou posible, son temas que sobrevoan esta temática relacionada coas novas perspectivas da mobilidade urbana.


Por outra banda, a versatilidade destes vehículos para circular por espazos peonís convírtenos nun potencial perigo para certas persoas usuarias das beirarrúas, que ven medrar o seu medo para levar unha vida independente a pesar da súa idade ou condición física. En xeral, a inmensa maioría das persoas usuarias cumpren as normas con rigor e responsabilidade, pero un escaso número de condutores de bicis ou vmp’ s crean situacións de incomodidade ás persoas que camiñan.


Ademais, o constante incremento dos espazos urbanos con coexistencia de usos e prioridade peonil (rúas con plataformas únicas, sen lugares de aparcamento e con únicamente o tráfico a motor necesario) xera unha nova forma de utilizar estes vehículos. As normativas municipais máis avanzadas permiten a bicis e vmp’ s circular por este tipo de rúas, e establecen que deben ir a velocidade do peón e como máximo a 10 km/ h, respectando en todo momento a prioridade das persoas que camiñan e sen molestalas na súa traxectoria.


O coloquio estará moderado polo secretario xeral do Concello de Narón, Alfonso de Prado Fernández-Cantelli e nel participarán José Ignacio Lijarcio Cárcere, do Grupo de Investigación FACTHUM- lab, do Instituto de Tráfico da Universidade de València e director de Proxectos da Fundación Española para a Seguridade viaria (FESVIAL); Concepción Blocona Santos, técnica de rehabilitación da ONCE; Enrique Lorca Sánchez, presidente da Confederación Nacional de Autoescolas e Jeanne Picard Mahaut, delegada en Galicia de Stop Accidentes.