Analizar o espazo público, primeiro reto do congreso de maio

“Un novo modelo de espazo público” é a temática prevista para a primeira sesión do III Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria que terá lugar en maio en Narón, no que se tratarán interesantes temas relacionados con esta disciplina.

O dereito ao espazo público é un dos conceptos máis avanzados en relación aos asuntos da mobilidade. Trátase dunha reivindicación que consiste en situar este dereito á altura dos que na nosa sociedade son universais como a sanidade e a educación, para o que é necesario dispoñer dun espazo público abundante, seguro e xestionado desde a óptica da sustentabilidade.

Este primeiro capítulo do congreso centrarase nos impactos ambientais, sociais e económicos ao redor da mobilidade que afecta as persoas e mercadorías e que están a levar ás cidades a un proceso de transición cara a modelos máis seguros, sostibles e eficientes. Ante esta situación, resulta clave comprobar os proxectos e programas que se realizan atendendo a estes novos modelos de mobilidade urbana.

A mesa contará cun relatorio introdutorio que facilitará o debate enmarcando o seu contido. Será a arquitecta e membro de Gea21, Isabela Velázquez  Valoria, experta en proxectos de urbanismo sustentable, planificación territorial e deseño urbano.

En canto ao debate, estará moderado polo xornalista de La Voz de Galicia José Manuel Pan, encargado das noticias relacionadas coa seguridade viaria nese medio. Participarán no coloquio os alcaldes de Pontevedra e Sant Joan  Despí, Miguel Anxo Fernández Lores e Antoni  Poveda Zapata, presidentes ambos das redes de Cidades que Camiñan e pola Bicicleta. 

Xunto a eles estarán Jaime  Armengol e  Anxo Queiruga. O primeiro é o coordinador do proxecto Mobility City, unha iniciativa de Ibercaja dedicada a difundir as novas formas de mobilidade, con sede no pavillón ponte da capital aragonesa, a emblemática obra da arquitecta Zaha Hadid sobre o río Ebro. Queiruga preside a Confederación Galega de persoas minusválidas e é unha das persoas máis influentes do estado en materia de accesibilidade universal.

A sesión aprofundará en cuestións importantes como o deseño urbano e as características territoriais do viario, para garantir unha mobilidade e un uso do espazo á altura do noso tempo. Hoxe reclámase que as rúas e prazas non só sirvan para trasladarnos senón tamén para estar, xogar ou pasear, funcións que deben potenciarse  minorando o espazo que se dedica á mobilidade motorizada e potenciando o dedicado a outro tipo de usos.