Xa podes inscribirte no Congreso

A publicación desta web supón a conta atrás para a celebración da xuntanza

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, presentaron esta mañá xunto con Sonia López e Pedro Caneiro, responsables do equipo de Educación Viaria do Concello, a páxina web da terceira edición do Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón. 

A través da web: congresonaron.gal/ pódese obter información desta convocatoria, organizada polo Concello e a Rede de Cidades que Camiñan, patrocinado pola Deputación da Coruña e a Axencia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e que conta con varias entidades colaboradoras. Ferreiro anunciou durante a presentación que, coincidindo coa estrea da web tamén se abre o prazo de inscrición neste congreso, que se tramita dende a propia páxina.

A web do Congreso ten un formato sinxelo e é de doada navegación, incluíndo os capítulos habituais deste tipo de eventos: programa, participantes, notas biográficas, calendario, mesas… e a maiores ten dispoñible o formato de inscrición no mesmo, en galego e en castelán. 

Ademais, dispón dunha xanela de actualidade na que se irán publicando informacións de interese sobre o evento e donde se poderán ver as respostas a un cuestionario sobre temas relacionados coa educación e a seguridade viaria que se realizou ás persoas participantes e que se empregarán para crear contidos de interese sobre as diferentes sesións que se desenvolvan. O espazo web conta tamén cun apartado específico de turismo da cidade, con enlaces á web de Turismo do Concello de Narón: turismo.naron.es

“As persoas primeiro” é o lema elixido para este evento, que reunirá os vindeiros 19 e 20 de maio no Pazo da Cultura a recoñecidos profesionais do ámbito da seguridade viaria. O congreso estruturarase en catro eixos temáticos: “Un novo modelo de espazo público”, “Vehículos de mobilidade persoal e seguridade viaria”, “Novas metodoloxías de educación para a boa mobilidade” e “Cooperación internacional”. Son precisamente esas áreas temáticas nas que se centrarán as mesas que se celebrarán os días 19 e 20 de maio, o primeiro día en horario de mañá e tarde e o segundo pola mañá. 

A alcaldesa da cidade será a encargada de inaugurar esta nova edición do congreso, o día 19 ás 10.00 horas, acompañada polo director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e da Academia Galega de Seguridade Pública, Santiago Villanueva. 

As tres primeiras mesas programadas darán comezo ás 11.30 horas, ás 16.00 e ás 18.30 horas o día 19 e a cuarta terá lugar o día 20 ás 10.00 horas. Os participantes en cada unha delas poden consultarse na propia web do Congreso, donde se especifican tamén os obxectivos de cada unha delas. O acto de clausura terá lugar ás 13.30 horas, tralas conclusións da Coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, e pechará a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.